Monday 29 de April de 2024

A Deputación investirá case 325.000 euros na mellora a rasante e a ampliación de dous tramos da DP-1301 da Gándara a Amañecida


 

O alcalde brionés celebra a adxudicación dunhas obras que mellorarán a seguridade viaria da veciñanza

A Deputación da Coruña vén de adxudicar dúas obras de mellora na estrada provincial DP-1301 da Gándara a Amañecida, no termo municipal de Brión, que suman un investimento de 324.968,31 euros. O alcalde de Brión, José Luís García, destaca que “son dúas obras que mellorarán a seguridade viaria dos centos de veciños e veciñas que nestes momentos teñen que camiñar polas beiravías para achegarse ata a zona de concentración de servizos e equipamentos no municipio, como son a gardería, a zona comercial de hostaleira, ou mesmo a parada do transporte metropolitano”.

A Deputación adxudicou a “Martínez Montes e Hijos SL”, por 210.177 euros (IVE incluído) as obras de mellora da rasante e pavimentación da DP 1301 Gándara-Amañecida, concretamente do pk 3,520 ao 5,870. Uns traballos que consistirán na mellora da rasante, a reparación dos defectos na capa de rodaxe e a regularización da totalidade da superficie coa extensión dunha capa de zahorra, grava e tratamento superficial. Inclúese a renovación da sinalización tanto vertical coma horizontal.

Así mesmo, a Deputación da Coruña adxudicou a ampliación e mellora do trazado nos primeiros 300 metros da DP-1301 (entre os pq 0+047 e o 0+377) á empresa Explotaciones Medioambientais SLU por 114.791,31 euros (IVE incluído). Uns traballos que permitirán ampliar a calzada da estrada ata os 7 metros de ancho, con 0,5 metros de arcén, ademais de revestir en formigón as cunetas da zona e pequenas melloras do trazado para a rectividación de curvas. As obras inclúen tamén a execución dun novo sistema de drenaxe e recollida de pluviais que mellore as condicións de circulación con choiva e a ampliación da ponte entre os pk 0,304 e 0,330, que se fará mediante un taboleiro.

En ambos casos, as obras teñen un prazo máximo de execución de 5 meses.